Sunday 12 de May de 2024

Vimianzo optimiza os protocolos de actuación para frear a expansión do coronavirus


Esta mañá tiveron lugar a Xunta de Seguridade e a segunda reunión da Comisión de Seguimento, conformada pola alcaldesa, Mónica Rodríguez; o concelleiro de Obras e Servizos, Miguel Ángel Pérez; a concelleira de Benestar, María José Pose; a Garda Civil, representada polo sarxento Rubén Fernández; Protección Civil, cos seus voceiros Manuel Rodríguez e Javier Pérez; e Policía Local, a quen representa Elías Cernadas.
O Concello de Vimianzo optimiza os protocolos de actuación para frear a expansión do coronavirus, así como os métodos e liñas de actuación a seguir para axudar ás veciñas e veciños en estado de vulnerabilidade.
Esta mañá, ás 10:00 horas, tiveron lugar a Xunta de Seguridade e a segunda reunión da Comisión de Seguimento, conformada pola alcaldesa, Mónica Rodríguez; o concelleiro de Obras e Servizo, Miguel Ángel Pérez; a concelleira de Benestar, María José Pose; o representante da Garda Civil, Rubén Fernández; Manuel Rodríguez e Javier Pérez, de Protección civil e Elías Cernadas, da Policía Local.
Ao longo da xuntanza establecéronse unha serie de pautas enmarcadas nos puntos que se enumeran a continuación:
Primeiro, continuar coa desinfección nas 14 parroquias que conforman Vimianzo e facendo especial fincapé nas entradas dos supermercados, PAC, farmacias, entidades bancarias e resto de espazos de máis concorrencia. O equipo de Protección Civil realizará estas tarefas a turnos, en horario de mañá e tarde.
Segundo, acordouse a reorganización do servizo de atención especial a domicilio tamén nas 14 parroquias do municipio, en coordinación sempre con Protección Civil e Servizos Sociais. Ante as situacións de vulnerabilidade ou urxencia, xa que poden existir casos de persoas que viven soas, o Concello pon a disposición o servizo para trasladarlle ao seu domicilio alimentos ou medicación. No segundo caso, lembrámoslle á veciñanza que o Centro de Saúde unha liña telefónica directa para consultas ou solicitar recetas de maneira directa, sin ter que acudir de xeito presencial, nos teléfonos 981 71 72 21 e 981 70 74 17.
En terceiro lugar, plantexáronse unha serie de criterios a seguir no tratamento e medidas de reforzo para os casos de violencia de xénero. Pártese da base de que este período de confinamento pode agravar a situación das vítimas ao pasar máis tempo co agresor.
O punto cuarto, relativo ao aforo dos supermercados, acordouse coas xerencias individualizar os casos, atendendo ás recomendacións establecidas polos organismos competentes en materia sanitaria, nos que se limitará a capacidade en función do seu tamaño.
Por último, acordouse a máxima coordinación entre a Policía Local e a Garda Civil para dar cumprimento ao RD 463/2020, vixente desde o pasado 14 de marzo, e decretado durante todo o estado de alarma.
O vindeiro luns terá lugar unha nova xuntanza, sempre e cando non sexa necesario reunirse antes, para a análise e coordinación en base á situación actual, xa que se conta que daquela existirán variacións con respecto a hoxe. Mañá comezarán as tarefas de desinfección de todos os colectores en todas as parroquias de Vimianzo.